Ó principio non había nada   -   Somos catro   -   Éramos poucos e...   -   Novas caras, novas xentes   -   2003 - 2004

 

Pasou pouco máis dun ano desde a última revisión da historia da banda, pero dadas as circunstancias, paréceme moito máis. Debutaba Gustavo en directo no concerto acústico no Lume e ferro en Carral (9-11-2003), faciamos a primeira presentación oficial do disco Pan e circo en Ouzande, da man da Asociación Cultural A Fervenza (12-12-2003) e enfrontabamos o novo ano metidos de cheo en concertos solidarios da Plataforma Nunca Máis e da Plataforma pola defensa das liberdades. 2004 agochaba as súas sorpresas en canto á formación. Por un lado incorporamos outro ex-Zángalla-Mángalla, Lorenzo Cazón, aos teclados e por outro, Alexandre colgaba os bong-gos para se dedicar en exclusiva á súa vocación artístico-plástica (como vedes, o noso Stuart Sutcliffe particular, agora, só deseñador e maquetador das portadas...). A idea do teclista era algo que nos roldaba desde que Xesús Carballido improvisara uns arranxos de piano no seu último ensaio connosco (e o primeiro de Gus), alá por setembro de 2003. Por fin, en marzo conseguimos presentar o disco no noso local-fetiche de Compostela, A casa das crechas, e de paso, a nova formación. Outras cancións foron nacendo nestes meses, e aínda que estabamos presentando Pan e circo, xa nos corría máis o peito ca a cabeciña cos temas novos, revisados, retocados e pulidos naqueles ensaios acústicos tan produtivos na casa de Lorenzo. Luís seguía facendo todos eses quilómetros para vir ensaiar (Bravo por el! O Carballiño-Vilariño dúas veces por semana!), Xabier sempre atopaba un oco para enchufar o Marshall cando pousaba a bandexa e para nos meter na súa casa coma se fósemos da familia (por certo, bravo pola súa!), Gus chegaba os domingos directamente de pór copas na “disco” ata as 8 da mañá, pero sempre cun Strudel caseiro riquísimo para cear e Lorenzo aparcaba a investigación por unhas horas para navegar entre corcheas, quintas, arpexos, disonancias e rimas asonantes. Recuperamos un antigo tema do grupo carballiñés Anagrama (“Debo continuar”) e rescatamos para a creación musical o antigo compositor de Zángalla, autor da música de dous dos novos temas. Así as cousas, enfrontamos o verán con non moitas datas pero con vontade de mostrar as novas cancións en que estiveramos traballando e de paso, volvémonos meter en Mafia Records para gravalos. Non contento con isto, o que subscribe estas liñas rescatou e retocou algúns vellos temas da época de cantautor e mais algún inédito, e pouco a pouco fóronse gravando no estudio de PC Carrier (Compostela), co propio Gustavo Fernández (e o resto de alumnos e persoal) como técnicos de son durante o verán de 2004.
O novo disco está practicamente rematado, e agardamos que para a Coresma poida estar dispoñible xunto cun DVD que gravamos no xa mítico concerto das festas do San Cibrao 2004 no Carballiño. Digo mítico polo fantástico son e ambiente que conseguimos aquel día e porque (quitando o apresurado concerto de despedida no Colexio Maior Fonseca o mércores 12 de outubro) Roberto Sobrado e banda despedíanse da actual formación aquel 18 de setembro. Poderiamos culpar o sistema (“só quería falarvos dun vello soño de igualdade”), a sociedade (“tranqui, colega, la sociedad es la culpable...”), o goberno (“outros mentres tanto, seguen privatizando”) ou mesmo o panorama laboral (“cansado xa de agardar e ver pasar o mesmo tren”), pero o certo é que as nosas carreiras profesionais diverxían ata un punto insostible, principalmente porque a miña vocación docente empurrábame cara ao Reino Unido (“é o sino dun pobo”), máis concretamente ao Liverpool dos Beatles. E aquí me tendes, actualizando a información do sitio web, repasando o repertorio en inglés e a punto de facer unha proba para tocar en The Cavern. Por suposto, sigo cos meus temas de sempre e algunha que outra novidade. A banda morreu! Viva a banda! Roberto Sobrado segue en activo e agárdavos na cidade de John Lennon.

“...deixo refuxios, amigos, a cidade sempre gris,
a primavera no campus, o piso onde vivín.”

Roberto Sobrado, 29 de novembro de 2004


Bicos para tod@s
Roberto F. Sobrado, novembro de 2002