Ó principio non había nada - Somos catro - Éramos poucos e... - Novas caras, novas xentes - 2003 - 2004
Ó principio, non había nada (Autopresentación)
O pouco que sei aprendino dos grandes mestres. É verdade. Quizais o primeiro e definitivo non sexa moi coñecido, pero para min sempre será, simplemente, “o mestre”. O seu bo facer coas seis cordas (e coas doces teclas do piano aínda máis) fíxome crer que eu podía (ou polo menos quería) tocar e cantar coma el. Sei que non o conseguirei nunca, pero así comezou todo hai xa uns sete anos. Máis ou menos por entón, había tamén algúns versos propios (deses que se lle escriben á primeira moza -Joan Manuel dixit- e dos cales mellor non me lembro) e cos tres primeiros acordes que o mestre me ensinou, naceron as primeiras cancións.
A formación dun grupo de rock no Carballiño, xunto cuns colegas, foi inevitable. Unha época divertida e chea de pequenas ilusións compartidas que se alimentaban dos nosos soños e que morreron pouco a pouco, deixando un bo recordo e un mellor sabor de boca. Nese intre decateime de que a única forma de facer música tal e como eu a concebía, era facela eu mesmo, e nese empeño estou dende entón.
Se Javier Álvarez e Pedro Guerra me ensinaron que o ronsel dos grandes (os “tres eses” como a min me gusta chamarlles a Sabina, Serrat e Silvio) podía seguirse dende unha nova proposta (e sempre cun compromiso lingüístico, no meu caso), Ismael Serrano rematou por me iluminar o camiño dende a súa premonitoria aparición na Gramola dalgunha noite máxica de 1997.
O empurrón definitivo chegaría no 99 cun par de concursos gañados e coa gravación dun CD como premio dun deles.
A xente do Fonte Sequelo, ofreceume, dende novembro de 1999 a oportunidade de tocar en directo en Compostela cada xoves (logo os martes), e gracias a iso, apareceron outros concertos, máis oportunidades e, sobre todo, un feixe de novos amigos.
Ben certo é que ás
veces me apetecería electrificar a alma e sentir o apoio dunha banda
de amigos detrás, para conseguir entre todos que os meus temas chegaran
coa forza e a crítica dos míticos La Polla ou Kortatu, ou coa
potencia e a ironía dos inmensos Celtas Cortos ou dos Diplomáticos
de Monte Alto. Como de momento non teño esa banda, e son consciente de
que a miña proposta musical está máis preto dos “tres
eses” ca destes grupos, sobrevivo coa miña gorxa e a miña
guitarra Amanda, bautizada así como homenaxe a Víctor Jara...,
por suposto.
Das miñas ideas, ideais, obsesións e paranoias varias, xa falan
as miñas cancións, así que só me queda convidarvos
a que vos pasedes por Compostela calquera noite destas, a que consigades o meu
CD (ou algunha vella maqueta) ou a que me levedes a tocar onde propoñades.
Só preciso a vosa axuda para que alimente o meu cantar
Bicos para tod@s.
Roberto F. Sobrado, xuño de 2000